viernes, 2 de enero de 2009

Presentación de LÓSTREGOS E TEBRAS

De novo estou con vostedes nesta entrañable xuntanza, para a presentación do libro LÓSTREGOS E TEBRAS, unha obra que basicamente preparei aquí, e a base fundamental da mesma foron dúas, a primeira foi a de agradecervos a todas e a todos o voso sacrificio, o voso traballo e todo o apoio que me destes en tan desesperante situación, e a segunda demostrarme a min mesmo que non todo estaba perdido, como algunha persoa sentenciaba diante da miña situación. Certamente, a cousa era preocupante: non recordaba moitas situacións, a visión era borrosa e dobre, as voces as escoitaba como detrás dunha parede, e case non articulaba palabra. Saíra como fuxindo da morte, e atopábame sorprendido. Os médicos quedaron tamén sorprendidos pola miña rápida recuperación. A neuróloga que leva o meu caso, na última consulta sinaloume que practicamente o meu cerebro quedou un 100% restablecido, o que me dou unha alegría enorme.

Pero temos que falar do asilo, onde entrei nunha noite do 4 de novembro de 2005, e marchei un 12 de maio de 2006. Impacto causoume aquel ambiente. Agnóstico como me consideraba chocoume aquelo, ¿qué facía alí eu naquel elemento? Nin que dicir ten, que no principio o persoal caíame “gordo”, pero pouquiño a pouco me fun dando conta do espírito de sacrificio de todas vos, e tamén daquelas persoas da terceira idade, e veume a idea de facer un libro, unhas sinxelas páxinas onde amosar o Amor que todos precisamos. Pero volvía a caer na desesperación: a vista estragada, ca man dereita inutilizada, os pensamentos non os podía coordinar e a man esquerda non estaba adaptada para escribir. E tiven que empezar de novo, porque me estaba esquecendo de todo. Buscaba naquel cerebro a causa de todo elo. Había tido unha lesión cerebral moi grave, e que me levaría moito tempo en poñerme ben. Intentaba recuperarme, pero os ataques de anguria me afogaban o peito e o ánimo. Os choros foron continuos. Eu quería facer algo polo menos, pero non era capaz de facer nada. Tiven o agasallo dun ordenador, e outro novo contratempo: había perdido a noción do tecleado e doutras funcións. Aquelo era un inferno para min, e novo martirio. Os amigos e amigas se sacrifican en atencións e ata en recursos económicos. Os medios de comunicación fanse eco da miña situación, e acordan en organizar unha homenaxe en Cambados. Eu non comprendo o motivo deste acto, nin tampouco do que se me fixo pola ASOCIACIÓN CULTURAL O CASTRO en BAIÓN, e do que realizou o CONCELLO DE RIBADUMIA. Demasiadas consideracións que me fan estar, como vulgarmente se di, en BABIA.

Por fin empezo co libro, que como vedes consta de tres partes. Dúas das mesmas son enteiramente miñas e unha terceira son as opinións da prensa. As que escribín, a primeira parte son para dar as gracias de todo o corazón a cantos me axudaron. A segunda para desenrolar o meu intelecto, e para darlle nos fociños a cantos me intentaban dar a morte cultural. Non escribín tan só eso, senón dúas obras de teatro e unha serie de 500 pensamentos meus do 2006 ao 2007. Descubro a orixe histórica do viño ALBARIÑO en febreiro do ano pasado. Me fan cronista oficial de Vilanova, e me publican o libro HISTORIA MUNICIPAL DE VILANOVA. Antes vira a luz a HISTORIA DE A ILLA DE AROUSA, e agora este de LÓSTREGOS E TEBRAS, feito en EDICIÓNS CARDEÑOSO en VIGO.

En fin, todo esto foi o que fixen durante a miña enfermidade e a posterior convalecencia, e o que puiden facer foi gracias a todos vostedes. A miña infinita gratitude a todas e a todos.

2 comentarios:

Brétema dijo...

Dende o Grupo Brétema unha aperta pra Xosé Lois por esa gran forza de superación e cariño pola súa terra. Que os teus pasos sirvan de exemplo pra todos nós.

Mónica Oubiña dijo...

Hola José Luis! Soy Mónica Oubiña, de Argentina. Mi bisabuelo era José Oubiña Lede, de Bayón. Estuve allí en 2006 y Carmucha me llevó a conocerte, lamentablemente estabas en problemas. Siempre seguí buscando tu nombre en Internet para ver qué novedades había, por suerte hoy encontré tu blog y tuve una gran alegría, significa que estás mejor. Espero volver a verte pronto, en Abril voy a estar por allí, por favor si podés comunicarte conmigo, me interesa muchísimo intercambiar información genealógica. Un abrazo!
Mónica Oubiña
soymoni@gmail.com